Page Loader




Encontro baixo a influencia de Frato

frato_leis_granada_web

A Asociación Pedagóxica Francesco Tonucci (APFRATO) celebrou en Granada o pasado mes de xuño o seu VII encontro, desta vez co foco na lexislación e normativa educativa. Unha cita que non nos perdemos en Airoá Comunicación dende hai tres anos, dende que a presidenta Mercedes Vázquez é socia.

APFRATO ten como obxectivo difundi-la pedagoxía que Francesco Tonucci reflexa nas súas coñecidas viñetas e este encontro está pensado para tódalas persoas, sectores e institucións relacionadas coa infancia e co futuro. Destacable é a presenza do seu consello de infancia, un equipo de nenas e nenos aos que se lles da voz para ofrecer o punto de vista dos verdadeiros protagonistas.

Nesta VII edición fíxose fincapé na NORMA, que debería ser unha axuda para a mellora en troques dun problema ou traba.  Fartos moitos de que a lexislación educativa sexa unha “moeda de cambio” en política e non un “motor para o cambio” como debería ser.

Á cita non faltou José Antonio Marina, autor do Libro Branco sobre a Profesión Docente a petición do Ministro de Educación, que tanta polémica suscitou no último ano, na maioría dos casos por descontextualización.  Urxe para el a mellora do sistema educativo, para aumenta-los recursos intelectuais, emocionais e executivos do alumnado, para formar aos cidadáns éticamente responsables que unha democracia precisa, e para facilitar a súa inserción ao mundo laboral que cada vez esixirá maiores cualificacións e unha disposición a seguir aprendendo sempre.

 

tonucci-1[1]

 

Outro dos convidados foi César Bona, recoñecido recentemente como o mellor profesor de España, finalista nos Global Teacher Prize. Neste caso, en vez de teorizar sobre o ensino que debería ser, é alguén que se lanza a facelo. Un profesor que se empeña en escoitar ao alumnado para poder sacar o mellor del. Que o fai protagonista das súas clases. Que o que ensina é aplicable á vida real. Sabe que é un gran reto, non tanto polo alumnado, senón por convencer ao resto do profesorado e pais de que as clases se poden facer doutro xeito, traballando sen libro e por proxectos.

FRATOSinodiarloqueestudiamos

Sobre a avaliación, Bona comentaba que deberíamos ensinarlles a reflexionar e non a facer exames, cuestión na que se incidiu bastante durante todo o encontro. O propio Marina sinalou tamén que os nenos entran na escola querendo aprender e saen querendo aprobar, indicativo isto de que o estábamos a facer moi mal. Tamén Javier Bahón,especialista en innovación educativa, insistía na necesidade de romper co valor propedéutico das etapas: “Cada etapa debería preparar para a vida, non para a etapa seguinte”. Ou Antoni Zabala, sendo máis claro dicía  “Na escola non aprendemos a falar porque na selectividade non hai ningunha proba para facelo. En vez de formar para a vida, formamos para a selectividade. E o obxectivo da avaliación non debería ser outro máis que o de coñecer ao alumno para axudarlle”.

Bótase de menos a María Acaso no parágrafo anterior, que por cuestións de última hora non puido asistir a este encontro. Ten ela unha moi boa definición, que rescato a míudo, para denunciar o que está a pasar: “A nosa é unha educación bulímica: atibórraste de apuntes, vomítalos no exame e en canto saes da aula os datos volatízanse”.

Trátase isto dunha pequenísima parte de todo o que se tratou. Non só a escola en relacións á lexislación, normativas e currículo. Tamén en relación á creatividade, ciencias, arte, linguaxe e corpo. Emocións, moral e inclusión. Cuestións de xénero. Autonomía pedagóxica. Convivencia. Relación coas familias. Etcétera.

Un encontro necesario e real grazas, na meirande parte, á súa presidenta Mar Romera; convencida de que vale a pena loitar pola mellora da calidade do ensino e a formación integral, así como potenciar as relacións da comunidade educativa.

Alba Sánchez

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>