Alba Sánchez. En abril estivemos en Barcelona na STEAMConf, un encontro que reuniu algúns dos proxectos máis recoñecidos en Europa e Estados Unidos sobre educación STEAM (combinación de ciencia, tecnoloxía, enxeñería, arte e matemáticas) . Puidemos coñecer alí unha serie de estimulantes iniciativas co foco posto na motivación da rapazada, xa que son as experiencias de traballos por proxectos as que amosan un alumnado máis motivado; tamén máis analítico, crítico e capaz de facer fronte a situacións imprevisibles da vida real. Ao fin e ao cabo, independentemente do que os nenos e nenas acaben sendo de maiores, cada traballo ou cargo esixirá tirar da creatividade para resolver os problemas e retos diarios ademais de traballar en harmonía co resto de compañeiras/os.
O xoves, a escola High Tech High de San Diego amosounos a súa experiencia neste campo a través da película “Most Lilkely to Succed”. Un centro no que se fomentan as competencias críticas fronte á pura memorización-pasa-exames. Analiza a necesidade histórica da división de materias durante a revolución industrial e o pouco senso que ten empregar actualmente o mesmo sistema (causando fracaso escolar, fracaso laboral, fracaso emocional…). O filme gravouse ao longo dun curso académico e remata co conflito entre a satisfacción do alumnado e familias pola aprendizaxe e evolución visible vs a preocupación pola proba de acceso á universidade nun sistema caduco e rancio como o americano non tan distinto ao noso.
O venres pola mañá tocounos ir de obradoiros. No primeiro deles participamos nunha interacción cunha cámara web chea de posibilidades grazas á plataforma open source Open Frameworks, que alberga un feixe de exemplos e traballos compartidos para que usemos libremente E é que a imaxe que capta unha cámara pódese descodificar e interpretar de moitos xeitos dando a posibilidade de que o que vemos no ordenador ou algún aparato conectado reaccione segundo o teñamos programado.
O segundo achegounos ao mundo da robótica con Arduino a través do Desafío Steam Un concurso que anima ao profesorado a traballar por proxectos integrando sobre todo tecnoloxía e programación (son horas).
Ao longo da tarde continuamos coñecendo grandes iniciativas. Entre elas: Ross Flatt, do Institute of Play falounos do xogo como eficaz ferramenta para unha boa experiencia de aprendizaxe. Philippe Vignat deulle voltas ao papel do profesorado hoxe en día e a cómo debería ser chamado: xestor/a de proxectos ou mestre/a?
O sábado coñecemos a David Cuartielles, co-fundador de Arduino. Poucas veces alguén tan apaixonado polo que fai logra explicarse dun xeito tan accesible para as/os noveles na materia. Falounos do hardware libre. Rara avis no mundo empresarial, ten claro que o importante é facer medrar a innovación dentro do ecosistema Arduino e para iso é preciso permitir que outras empresas poidan desenvolver, fabricar e distribuír as súas placas orixinais ou modificadas.
Tamén estaba convidada a directora de desenvolvemento curricular de Finlandia, país que recentemente acaba de dar prioridade a un enfoque interdisciplinario do ensino co obxectivo de fortalecer o papel activo dos alumnos e fomentar o pracer de aprender. Non querendo dicir que o sistema educativo finés, tan recoñecido a nivel internacional, fose o máis axeitado ao noso contexto. Hai que facer algo adaptado, claro está. Pero de novo falamos de traballos por proxectos, inter e multidisciplinarios, onde se fomente a creatividade e espírito crítico que, sen dúbida, encaixan moito mellor nos tempos de hoxe en comparación con este ensino rancio e bulímico (aprender, vomitar e esquecer) tal como lle oín dicir a María Acaso fai anos.