Manuel Jorge, un descubrimento.
Escribe Alba Sánchez.

Pero quen é Manuel Jorge?
Manuel Jorge nace en Chantada no ano 1929. Despois de estudar o Bacharelato na súa vila natal, trasládase a Madrid para preparar o ingreso á Escola Superior de Arquitectura mentres se empapa dos museos da cidade e se forma en debuxo entre outras disciplinas. Nada máis licenciarse, no ano 59, volve a Chantada para practicar a pintura de xeito autodidacta. Durante o ano seguinte vive e pinta en Menorca, chegando a expoñer os seus froitos na Galería Biosca de Madrid, dirixida entón por Juana Mordó. Nese mesmo ano, no 61, trasládase a Cadaqués, onde rodeado de artistas coñece á pintora finlandesa Christina Snellman, que pouco tardaría en converterse na súa compañeira de vida. Pasados un par de anos ámbolos dous se instalan en Xàbia, Alicante, onde Manuel erixe os seus primeiros proxectos arquitectónicos. Chegan a vivir uns meses en París mentres pintan na Cite Internationale des Arts , entre outras tantas viaxes a Finlandia e diferentes países do mundo. Manuel cultivou dende entón as súas dúas paixóns: a arquitectura e a pintura, mantendo esta última en segredo durante décadas. Sorprende saber que aínda hoxe non pon en venta ningunha das súas pezas; máis de 2.000 entre as que se inclúen esbozos, pinturas e obras gráficas. Manuel Jorge conta dende 2.003 cunha fundación propia que se encarga da difusión e xestión de toda esta obra. Nos seus arquivos figuran tamén os planos e fotografías dos seus traballos como arquitecto.
O primeiro contacto: A entrevista.
Un día puxeron nas miñas mans un libro sobre a obra artísticas dun tal Manuel Jorge. Impresionoume a calidade e variedade dos seus debuxos e pinturas, pero sobre todo quedei pampa ao ler na biografía que ese home descoñecido nacera en Chantada. O libro incluía fotos dos seus compañeiros de escola na vila e nos agradecementos figuraban os mestres daquela época.
“A infancia é o máis importante que nos pasa na vida, é o que nos forma”. Manuel Jorge

Pola súa fala e acenos mailo contido inicial da conversa ninguén pensaría que este recoñecido arquitecto e pintor levase fóra de Galicia 69 anos. Ben o podedes comprobar na ligazón que se adxunta ao final da páxina. Manuel ten alma galega. Así o conta el e tamén o expresan os seus cadros. É algo ao que non pode renunciar. “Aí está toda a chuvia de Galicia metida” dicía respecto aos grandes retratos azuis escuro. Por iso resultou tan emocionante traer de volta a súa obra e amosala por primeira vez en Galicia, máis aínda na Chantada que o viu medrar.
O retorno a Chantada: A exposición.

O gran día: A inauguración.

Unha aprendizaxe continua: As visitas dos centros educativos.
Sen dúbida, unha das partes máis enriquecedoras e exitosas do proxecto. Durante os dous meses de exposición, elaboramos e levamos a cabo unha serie de actividades adaptadas a diferentes etapas de primaria e secundaria. Todas coa finalidade de dar a coñecer a figura de Manuel Jorge, fomentando tamén a capacidade crítica do alumnado mediante proxeccións audiovisuais e coloquios e impulsando a súa creatividade mediante diferentes prácticas artísticas adaptadas segundo a idade e os conceptos que estivesen a traballar na aula.
Xa para despedir este encontro, a última fin de semana ofreceuse unha visita guiada para tódolos públicos e así dicir ata pronto, que non adeus, á vida e obra deste artista chantadino.


