Page Loader




De (re)existencias. O entroido ribeirao.

maxresdefault
maxresdefault

“A min botáronme a 1500 pesetas e ós outros a 200. Porque se non 3 meses de carcel, eh!. A miña suerte foi que a miña nai era das dereitas, que se non a min daquela chímpanme”
Veciño de Santiago de Arriba.

[Andrea Olmedo] Este filme documental vai de resistencias, de (re)existencias. De formas de vida subalternizadas que se manteñen a pesar da represión política e relixiosa, da falta de relevo xeneracional, dos conflitos propios das comunidades humanas. Vai de persoas que arriscaron moito por manter vivas as súas costumes e o facer tradicional; da prohibición do considerado abxecto, que non é senón unha pequena variación do normativo por parte das clases populares. Vai da eterna minusvaloracion da ruralidade e das súas historias, os seus tempos, os seus costumes e as súas festividades.

Vai de saberes, de habilidades, de relacións sociais que se mantiveron vivas tan precariamente que abafa. Que podían perfectamente non ser. Vai do desamparo institucional centenario, concretado en sermóns adoutrinantes, en multas impagables e en malleiras a quen non renunciou ao seu.

Vai de persoas que son quen de poñer en valor a súa cultura e que buscan mecanismos que aseguren a súa transmisión interxeneracional. Vai de persoas agora concienciadas na relevancia non só a nivel persoal senón a nivel historiográfico, antropolóxico, político de manter vivo o Entroido Ribeirao. Vai da busca de conexións con outros entroidos. Xa que no reverso do feito hiperlocal están historias tan próximas que viran universais.

O Pinancho e a Lorena Gallardo levan tempo traballando nos medios locais, conscientes da súa transcendencia á hora de facer chegar información de proximidade, da súa idoneidade para afondar nas problemáticas das comunidades nas que traballan e da súa potencialidade como conectores de contornas rurais fragmentadas.

Collo a cámara e poño o meu gran de area para conservar de algún xeito parte da nosa cultura. David Vázquez, Pinancho.

Son director e co-guionista de “O Moredo” A resistencia do Entroido Ribeirao, filme documental impulsado por Airoá Comunicación que ven de presentarse o pasado 6 de abril en Chantada e agora inicia a súa andaina en festivais. 

O Pinancho é unha persoa comprometida co seu: o mundo rural. O audiovisual sérvelle para contar historias cunha liña común: a vindicación da recuperación da memoria colectiva ante feitos do pasado inmediato pero a piques de seren esquecidos. É exemplo de isto Asolagados (2013), que trata de recuperar a memoria dos pobos anegados polo encoro de Belesar en Chantada. ou As Almas do Fental onde trata o tema do abandono do rural.

A Lorena é xornalista audiovisual e tras traballar noutros medios locais forma parte dende fai anos do equipo de Televinte, que ten a demarcación de Chantada e é unha das televisions locais de referencia a nivel nacional por ser supervivente no chanzo da emisión analóxica á dixital.

ChtJ4tKWsAAb4rU.jpg:large
señor1
señor2

Cal é o conflito/pregunta de partida que da pé ao feito documental en “O Moredo”(…)?

(Pinancho) A desaparición. Somos unha terra moi rica en tradicións e por culpa do  despobaoamento rural case todas están desaparecendo. Eu tento recoller información sobre o seu pasado, e no caso de que as persoas destes lugares morran, quede un testemuño do que algún día foi iso. O Entroido no Moredo creo que ten moita vida por diante, pero a xente maior, por natureza vai desaparecer e con eles, neste caso, unha interesante vida chea de sabedoría e anécdotas sobre o entroido. Aí comeza a miña preocupación, e  por iso collo a cámara e poño o meu gran de area para conservar de algún xeito parte da nosa cultura.

Xa tiñas feito outros traballos sobre o Entroido Ribeirao. Cal é a necesidade que tes en afondar neste tema?

(Pinancho) Eu coñecín o Entroido Ribeirao cando comecei a traballar na televisión local Televinte alá polo ano 1998. Eu son da ribeira, pero dunha zona un pouco aloxada, e non sabía da súa existencia. Creo ademais que hoxe en día en Chantada aínda hai moita xente que nunca foi ó Entroido Ribeirao. Cando eu traballaba na televisión o entroido viviu unha crise e pouco a pouco foi desaparecendo, por exemplo nas parroquias de Vilaúxe e Nogueira. Levaba tempo para facer algo xa que vía que este se podía perder.

En que fase te incorporas ao proxecto e cal é a túa participación no mesmo, Lorena?

(Lorena)  Entro a formar parte deste proxecto no inicio da fase de produción e rodaxe. A idea orixinal de David Vázquez comezaba a poñerse en marcha e xa se realizara a primeira entrevista e a recollida de imaxes. Participo na realización das sucesivas entrevistas e como co guionista xunto a David. O guión e a historia tiñan unha base que se foi modificando a medida que recolliamos os testemuños e o escaso material gráfico e documental pre existente. Coñecía moi ben a liña de traballo de David e conectei dende o primeiro momento co obxectivo deste traballo, sobre todo na parte de rescate da memoria. Agradézolle moito o convite para colaborar nesta historia.

Cal é a túa aproximación ao tema? coñecías esta realidade de primeira man ou tes feito un traballo grande de pesquisa?

(Lorena) Polo meu traballo como xornalista en diversos medios de comunicación locais  desta área da Ribeira Sacra, coñecía dende hai uns dez anos este Entroido. Lembro cando aínda se celebraba en Nogueira de xeito paralelo á celebración do Moredo, en Santiago de Arriba. Coñecía previamente o traballo de recuperación que fixeron nos últimos anos os veciños, pero descoñecía unha parte importante da historia do Entroido Ribeirao en  relación á súa importancia social no pasado. Tamén determinados acontecementos históricos relacionados coa súa persecución durante a ditadura e o poder relixioso sobre a liberdade para celebrar un evento fundamental na vida destas parroquias da ribeira. Esta manifestación penso que tivo unha evolución lóxica en canto a certos aspectos como os   roles de xénero e a implicación directa dos máis pequenos.

señor3

É un documental que mira ó pasado, Cal é o motivo?

(Pinancho) O documental chega nunha época en que se está recuperando esta celebración ancestral grazas ó traballo da Asociación Amigos do Entroido Ribeirao. A día de hoxe so resiste no Moredo, de aí o título da peza. Tentamos facer un documental no que tivera voz a xente con máis idade, xa que penso que para saber se algo ten futuro, coñecendo o presente, temos que afondar no pasado para chegar unha conclusión. Isto permitiranos saber se o entroido pode ou non resistir no tempo. Por iso que afondamos moito no pasado, que case é o protagonista do documental.

É unha realidade complexa na que entra en xogo a transmisión  interxeneracional e os conflitos que isto supón? Como ves o Entroido nuns anos, David?

(Pinancho) Eu creo que o relevo xeracional estase levando moi ben. A xente maior apoia á xente nova. No documental os maiores din que “agora non hai nada”, pero iso hai que velo no contexto. Antes había moitos habitantes nas aldeas, e cando chegaba o entroido reuníase moitísima xente. Pero non queren dicir para nada que o que se fai agora non estea ben. So que vivimos outra realidade social moi disinta a que viviron eles. 

Como se traballan estes conflitos a nivel guión, Lorena?

(Lorena) Cremos que o entroido tivo unha evolución lóxica. Na obra amósanse algúns testemuños de xente moi maior e da xuventude a través dos que se resolve este reflexo ou contrapunto en certos aspectos relativos á celebración. Por outra banda, as imaxes de David conceden protagonismo, por exemplo,  a obxectos como poden ser unha forma para a elaboración das máscaras que foi herdada de xeración en xeración, non sabemos exactamente dende que século. É unha peza material que simboliza a transmisión interxeracional do patrimonio inmaterial. A montaxe de David axuda moito. Eu creo que se trata dunha peza documental moi pura de testemuños. Non existe o apoio da voz en off e nin sequera da incorporación de música externa. Os adornos son poucos, a historia cóntase coas palabras, as imaxes, o son ambiente e a mirada dos protagonistas.

Desde o século XIV pero intensificada durante o franquismo houbo moita represión en contra deste Entroido. É un milagre este exercicio de resistencia?

(Pinancho) É un feito histórico que resiste na ditadura contra a presión da igrexa e o poder, que se resistía a desaparecer. Para os habitantes destas terras, o entroido un símbolo de identidade moi grande. Eu nas entrevistas vin unha nostalxia impresionante na xente maior, vin que a pesar de vivir tempos difíciles, eles no entroido eran felices, e moi unidos. No tempo de entroido non había inimigos, todos axudaban e tiñan o mesmo obxectivo, aptitudes que resumen a importancia que tiña nas aldeas da ribeira a chegada do entroido. Isto foi o que tentamos nos amosar neste documental. O entroido non era unha cousa de dous, nin eran uns días máis de festa. O entroido érao todo.

O entroido alberga a cultura esencial destas aldeas, como é a relación coa terra, a cultura do viño e sobre todo o significado da unión veciñal. Lorena Gallardo

Lorena, cres que este documental visibiliza un feito moi local pero tamén universal? Que aporta de novo esta peza?

(Lorena) Visibiliza moitos feitos universais. Máis aló da propia celebración pagá do entroido de orixes ancestrais, está a historia do despoboamento do rural, incluso do abandono estético. Por outro lado a necesidade universal e humana de evasión e de festa e  desconexión, de apertura para cos veciños. A chegada do entroido era unha pequena revolución no pobo que abría as portas e compartía por riba dos problemas e da dureza do traballo do ano.

Mudou o voso punto de vista sobre tema unha vez realizado o documental? Cara onde?

(Pinancho)  Si, sobre todo nas emocións. Eu non coñecía o entroido en profundidade, agora xa case podo dicir que o vivín durante cen anos xa que o “Viadilla”, un dos entrevistados, ten 95. É coma un libro aberto. Poder estar no Moredo fai que á imaxe real que estas vendo se xunte a imaxe que che contou un home que viviu durante tantos anos esta tradición. A partir de aí, o entroido xa non é o mesmo para min.

(Lorena)  Podería dicir que quizais o tiña infravalorado. Indagar e imaxinar  sobre o pasado deste entroido contribuíu a entender que se trata dunha raíz fundamental da cultura ribeirá. Que o entroido alberga a cultura esencial destas aldeas, como é a relación coa terra, a cultura do viño e sobre todo o significado da unión veciñal por riba das dificultades  económicas, políticas, etc. O que ocorría noutras aldeas circundantes reflíctese aquí, en Santiago de Arriba, onde concentramos o traballo por ser hoxe o lugar de resistencia.

Afrontades proxectos dende unha actitude de faino ti mesm@. Con que equipo contou esta produción, cal foi a división de tarefas e canto durou o proxecto?

(Pinancho) Os proxectos que eu fago non son ambiciosos en canto ós medios: eu doulle máis importancia a historia que quero contar. Por iso que si tes unha boa historia, con unha cámara é un micro, xa podes facer un gran traballo. O proxecto dourou ano e medio, xa que fomos incorporando testemuñas e cousas que foron aparecendo a raíz das declaracións da xente maior. Este documental foi feito por solo dúas persoas, eu e máis  Lorena. Entre os dous fomos construíndo pouco a pouco o guión e démoslle forma a todo o material que tiñamos.

(Lorena)  Pinancho a parte da dirección ocupouse de todas as tarefas técnicas: gravación e montaxe, intercambiando en case todo momento opinións e decisións comigo no guión. Foise dilatando no tempo debido ás nosas ocupacións profesionais paralelas. Pero tamén á recollida da información que ía incrementando datos e posibles entrevistas que non estaban previstas nun primeiro momento. A historia foise enriquecendo e uns contactos e datos levaron a outros. Non tiñamos a esixencia de ningunha data para a finalización do traballo e non respondía a unha encarga externa, senón a unha motivación propia. Así,  sen unha presión excesiva, é como máis a gusto se traballa.

peliqu

David, este e outros proxectos parten dunha necesidade túa persoal e realízanse, fora aparte dalgunha pequena axuda, de maneira autoxestionada. Por que cres que é tan complicado acadar financiamento para este tipo de proxectos? 

(David) Bueno eu este tipo de traballos, que non vivo deles, sempre os fago porque creo que hai que facelos. Non me plantexo si haberá cartos ou non. Teño o material técnico suficiente para comezalo. O importante como dixen antes é ter unha boa historia e saber contala o mellor posible. Despois o financiamento para cubrir os gastos sempre aparece. Eu agora procuro ofrecerlle a posibilidade de patrocinar ou colaborar a empresas da co maraca e sempre hai quen se suma. As administracións tamén axudan, poderían poñer algo máis de cartos porque estamos falando case sempre da nosa cultura, do noso pasado, e iso a administración tiña que darlle máis valor, pero bueno eu non me queixo do trato recibido, solo lles pido mais sensibilidade nestes temas. Si a tiveran, probablemente non habería problemas de financiamento.  

As colaboracións con axentes, asociacións, entidades da zona e fundamental  para tirar estes proxectos adiante. Con quen colaborastes en “O Moredo”?

(Lorena) Temos que remarcar todo o apoio e acollida que tivemos por parte da Asociación Amigos do Entroido Ribeirao, dende o principio deica o final. Facilitaron materiais  históricos, algúns contactos e sobre todo a convivencia dende dentro nos propios días do entroido. Por outro lado, Televinte cedeu algúns dos vídeos máis antigos da celebración do entroido, e por suposto Airoá Comunicación, que promoveu este documental dentro da súa inestimable laboura educativa e difusora da cultura.

 

É xusto a rede veciñal a que permitiu a pervivencia deste Entroido Riveirao durante os séculos. Este feito que como parte da nosa cultura ribeirá, é para Pinancho e Lorena un feito moi serio. Estamos ante a manifestación mais longa do entroido lucense na que volantes, maragatos, mecos e corozas danzan polos camiños e representan oficios. O Moredo, en Santiago de Arriba, testemuña ano tras ano esta realidade centenaria de orixe difusa, de marcado carácter pagán e asentada no medievo como contrapunto á rixidez cristiana da Pascua.

Un tempo de excesos e dos praceres da carne no sentido amplo, de mofa e de parodia e de enchentas diversas, un tempo para a folga e para o descanso no que a cotidianidade se relaxa. Un tempo idóneo para a retranca máis encarnizada, a crítica social, relixiosa e política. No que se abren as casas á comunidade e se comparte. Un tempo que o equipo deste documental partilla connosco nesta peza, da que deixamos este bocado. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>