Page Loader




‘Narote’, memoria para condenar fascismos

Unha entrevista de Andrea Olmedo

Paracaidista. Arquivo Histórico de León.

Imaxe: Arquivo histórico de León.

Falamos con David Vázquez ,Pinancho, e Lorena Gallardo. Son director e co guionista do filme en curso ‘Narote’ producido por esta casa, Airoá. Nel Antonio Nieves Ferreiro, veciño de Saviñao de 107 anos, narra a súa historia como represaliado do franquismo. Xa o fixera a través dun libro. Este filme faise coa vocación de que a súa historia caiga en terra firme.

A memoria histórica é cousa seria nun estado democrático. No Español levamos 40 anos entre a imposición do esquecemento e a necesidade de recordar para facer xustiza. Pero esquece quen pode non quen quere. As e os represaliados do Franquismo buscan unha condena firme ao Réxime e reparación. E non é só que non chegue, senón que nos últimos tempos banalízase a súa demanda a nivel político e a nivel mediático.

Isto sábeo ben Antonio Nieves Ferreiro, veciño do Saviñao, último sobrevivinte da Revolución de Asturias do 1934. Foi destinado ao aeródromo militar de León pero estando no Servizo Militar de xeito voluntario negouse a acatar ordes de bombardear Oviedo. Foi condenado a unha vida de persecución, de cárcere e foi vendo como pouco a pouco os seus compañeiros e compañeiras eran fusilados.

Hai quen dá un paso ó fronte e conta a súa historia expoñéndose á dor de revivila. Isto aconteceu cun libro que el mesmo autoeditou. Anos despois un documental, Narote, busca servir de alzapremo para que este home de 107 anos poda contar a súa historia para que quede no recordo

40747819_2181029781970938_1869939309394526208_n

Imaxe: Documental 'Narote'.

40747819_2181029781970938_1869939309394526208_n.2

Imaxe: Documental 'Narote'.

David Vázquez ou Pinancho é unha persoa comprometida co mundo rural. O audiovisual sérvelle para contar historias cunha liña común: a vindicación da recuperación da memoria colectiva ante feitos do pasado inmediato. Son exemplo de isto O Moredo. A resistencia do Entroido Ribeirao (2017), Asolagados (2013), que trata de recuperar a memoria dos pobos anegados polo encoro de Belesar en Chantada. ou As Almas do Fental, onde trata o tema do abandono do rural.

A Lorena é xornalista audiovisual e tras traballar noutros medios locais forma parte dende fai anos do equipo de Televinte, que ten a demarcación de Chantada e é unha das televisions locais de referencia a nivel nacional por ser supervivente no chanzo da emisión analóxica á dixital.

13048222_1589011991414802_5995082762973794880_o

Imaxe: Pinancho Audiovisuais.

Que nos queredes contar a través de ‘Narote’?

[Pinancho] Narote é Antonio nieves Ferreiro. Naceu en Escairón, O Saviñao, e conta a día de hoxe con 107 anos. Este último dato xa sería suficiente para facer un documental, xa que non todo o mundo pode falarche sobre 107 anos da súa vida. A de Narote non foi una vida calquera xa que é o derradeiro supervivente da Revolución de Asturias do 1934. Foi voluntario ao servizo militar e destinado finalmente ó aeródromo militar de León. Alí o seu superior era o comandante Lapuente Bahamonde,primo irmán de Franco. Cando recibiron ordes de Madrid para bombardear Oviedo, o noso protagonista negouse, xa que ían morrer moitas persoas inocentes. Detrás del negáronse todos e foron arrestados, entre eles o seu comandante, que finalmente matou Franco. Aquí comeza a historia do Narote, que estivo fuxido durante 4 anos para evitar ser fusilado como lle pasou a dous dos seus mellores amigos. Fálanos de como se escondeu, dos seu paso por varios cárceres, de como foi capturado, e finalmente da súa posta en liberdade.

Escribiu un libro cás súas memorias que chegou ás miñas mans, e cando pechei o libro, tiña claro que esta historia, fora máis o u menos importante, debería ser contada, e así xurdiu todo…

[Lorena] A historia ten a súa base fundamental na necesidade de contala por parte do seu protagonista. Unha vida longa e intensa na memoria dun sobrevivente de 103-104 anos de idade que, achegándose xa ao século de vida, autoeditara a súa biografía. Unha pequena tirada do libro serviu para agasallar a amigos, familiares e veciños que descobren así detalles da historia de persecución e existencia agochada do Narote xunto a outros aspectos vitais máis aló do evento que máis impacta. Pero é quizais un acto de empatía co amargor de non tela espallado na medida desexable, precisamente polas feridas dun pasado que aínda nos manca a todas e todos, o que nos move a querer escoitar de primeira man este testemuño.

 

Por que é importante abrir a memoria histórica a 2018?

[Pinancho] A memoria histórica é algo que debería estar presente en tódolos lados, principalmente nos colexios, pero ben contada claro. En España houbo uns acontecementos no pasado recente que non deben esquecerse, isto non o digo para meter máis leña ó lume, se non que hai que mirar o que fixo Alemaña (por exemplo), cos campos de concentración e o holocausto de Hitler. Neste país houbo unha condena unánime a todo isto, e hoxe permanecen en pé (os campos de concentración e outras cousas) como testemuña do que pasou e que non debería volver a pasar.

O que pretendemos con Narote é xusto iso, a través dunha historia real, que o público en xeral sexa consciente do perigoso que pode ser non saber convivir, que alguén volve impoñer os seus ideais por riba dos demais. Ninguén vai gañar nada, iso está claro, xa o vimos na Guerra Civil, e creo que xa debería chegar como experiencia.

 

Relacionado con isto, houbo atrancos para levar adiante este proxecto?

[Pinancho] Atrancos en si non houbo, máis que aqueles propios dun estado que aínda non superou o pasado, e confunde calquera tipo de información que se pida, con que si es dun bando ou de outro. Para facer o documental non tiñamos apenas material. So un par de fotografía de Narote e nada máis, foi complicado conseguir cousas. Cando se tratan estes temas hai que dar moitas voltas, e ata pagar por material do ano 1934. Non é sinxelo traballar así, pero a base de insistencia e paciencia creo que conseguimos bastante bo material para ilustrar a vida de Narote.

 

Lorena, como traballastes a nivel de guión?

[Lorena] O guión ten a súa base nese libro que nos adianta o que descubriremos despois a través dunha ansiada e buscada entrevista. Pensamos que nada ten máis forza que o relato de viva voz, o relato das miradas e das mans engurradas e  da memoria de ferro dun home que tenta resistir ao paso do tempo. Esa conversa fortalece a base dese guión que tomará forma posteriormente, tras os principais eventos que Antonio Nieves quere lembrar nun exercicio consciente desa MEMORIA que no seu caso resiste para ser contada. A partir do valioso encontro chega, xa máis por parte do director e co guionista David Vázquez, a procura de escenarios reais, non sempre doada, a escolla da forza das palabras pronunciadas coa perspectiva que dá unha vida longa e unha saúde envexable… e todo isto vai conformando un guión aberto deica o último día da montaxe desta curtametraxe .

 

Cando poderemos ver Narote e onde?

[Pinancho] Pois agardo que pronto, posiblemente a principios do 2019. Non podemos dar datas xa que aínda temos que esperar por algunhas respostas en canto a un par de cousas que nos falta por conseguir. Despois faremos unha pequena estrea e enviaremos a curta documental a festivais. Outro traballo que nos queda será a distribución polos colexios, creo que é o sitio principal onde debería chegar Narote e a súa vida.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>