Page Loader




O Moredo no FESTIFAL, en Urrea de Gaén.

“O Moredo” A resistencia do Entroido Ribeirao continúa a xira de festivais iniciada na estrea o pasado abril; e con el o entroido ribeirao continúa abríndose ó mundo. A pasada fin de semana proxectouse no FESTIFAL, Festival Internacional de Cortometrajes sobre el Mundo Rural.

No artigo De (re)existencias. O entroido ribeirao xa conversaramos sobre esta peza documental co Pinancho e a Lorena Gallardo, realizador e co-guionista deste proxecto impulsado por Airoá Comunicación en colaboración coa Asociación Amigos do Entroido Ribeirao, que relata o pasado e presente desta manifestación do entroido en Santiago de Arriba, a mais longa do entroido lucense, na que volantes, maragatos, mecos e corozas danzan polos camiños e representan oficios.

Os pasados 25 e 26 de novembro O Moredo estivo na quinta edición do FESTIFAL, Festival Internacional de Cortometrajes sobre el Mundo Rural, en Urrea de Gaén, Teruel. onde se candidatou e formou parte das pezas que optaban ao premio a mellor curta documental. E, presentando a súa peza, David Vázquez e Lorena Gallardo achegáronse a este festival, que ten como obxectivo ollar o cine dende o rural e achegar o gusto por el xs habitantes da zona. Tense consolidado, ano tras ano, coma un festival de referencia de temática rural no Estado, crecendo a cantidade e calidade de propostas recibidas, na súa maioría curtametraxes.

David sinala a transcendencia destes festivais como punto de encontro dunha rede de profesionais dun cinema minoritario: polo formato, moitos son documentais e pezas curtas, e tamén pola temática e polo punto de vista: o rural. Segundo o realizador asistir a estes encontros permite crear rede, partillar recursos, ideas e mesmo constatar a realidade do sector, profundamente precario e moi vocacional, para intentar cambiala.

Para Lorena a presenza no FESTIFAL serviu para repasar leccións xa aprendidas, sobre todo dos problemas comúns en territorios rurais: o despoboamento, a falta de servizos e o abandono institucional así como a distancia e falta de empatía dende a mirada urbana. A través dos traballos audiovisuais alí presentados, de moi diversa índole, tanto ela coma David puideron ver identificada a nosa zona en problemáticas comúns a todo o rural do Estado, que non son alleas noutros países de Latinoamérica ou África, por exemplo. Dende a butaca da casa social e de cultura de Urrea de Gaén Lorena viu tamén despregadas a esperanza e a determinación de visibilizar a través de calquera ferramenta estas realidades.

Por outra banda, tamén viron o rural como lugar estratéxico onde crear relatos de ficción. Ambos sinalan a organización exquisita e o ritmo deste pequeno pobo aragonés de menos de cincocentos habitantes, que facilitou que o contacto entre profesionais se fixera máis intenso e doado.

Volveron a Galiza abraiadxs da implicación dxs veciñxs con este evento cultural, dende os nenxs ata os maiores formaban parte do equipo de loxística, atención xs participantes, afondando nos servizos directos e a proximidade humana. Aí é onde reside a importancia do Festival na dinamización sociocultural local, no fortalecemento da unión entre a propia comunidade e a súa apertura ao mundo. É esa mesma unión da veciñanza por riba das dificultades económicas, políticas, etc. o que posibilita que  entroido ribeirao perviva en Santiago de Arriba e se reforce ano tras ano.

E este documental busca ser unha canle máis a través da cal comunicalo ao mundo.Mostra diso son, ademais das múltiples proxeccións no país, as xa doce nominacións en festivais internacionais e dous premios: o primeiro premio na categoría de Curta documental no Ciudad del Este Independent Film Festival en Paraguay e o primeiro premio na categoría Entroido no VIA XIV – Festival Internacional de cortometrajes de Verín.

CARTEL DOCU O MOREDO con LAURELES

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>