Page Loader




SOPA de Comúns feminismos e ruralidades

Outro ano máis estamos encantadxs de ter particicipado no SOPA, Congreso Internacional de Socialización del Patrimonio en el Medio Rural. Se o ano pasado estivemos como sabedes en Zalamea de la Serena este ano tivemos que cruzar o Atlántico, xa que o destino foi a península de Yucatán, no México. Do luns 13 ao domingo 19 de novembro estivemos entre a Universidad Autónoma de Yucatán, Canicab ,o Centro Cultural Comunitario De Yaxunah e Casal Català de Yucatán, entrgadxs a este congreso tan cheo de actividade que raramente durme.

Foron sete xornadas de escoita, de coaprendizaxe, de compartición de experiencias, procesos e conflitos, de proxectos de socialización do patrimonio no rural. Se o ano pasado focamos no eido das arqueoloxías do conflito este ano as protagonistas fumos as mulleres, a ruralidade e os comúns. Non puidemos ter mellor acollida por parte da organización e as comunidades que nos recibiron.  Esta é a esencia do Sopa: aprender e desaprender coidándonos.

Foron moitos os estímulos destes días, os máis potentes nin sequera se poden recoller coa palabra. As actas do Congreso por publicar recollerán dun xeito rigoroso as ponencias. Quitámonos ese peso, querendo achegarvos unha a nosa vivencia parcial e subxectiva. Agardamos podervos facer chegar un destilado de parte do atendido, vivido, integrado durante estes días de SOPA de caldos picantes, dos que fan quecer, dos que curan.

IMG_20171114_105829[1]

Estableceuse un diálogo ao mesmo nivel entre mulleres diversas: profesoras universitarias estudosas na intersección entre feminismos, comúns e ruralidades,  mulleres de comunidades rurais locais e os proxectos que están a desenvolver nos seus territorios e o resto de participantes do encontro, que en todo momento foron convidadxs a participar. Propiciouse un clima de coaprendizaxe que rachou a dicotomía entre suxeito e obxecto de estudo e experta e audiencia.

IMG_20171117_181803[1]

O Congreso aposta polo emprego de metodoloxías de partilla de coñecemento diversas: dende conferencias e comunicacións a outros formatos que o afastan dun evento académico clásico. Dan conta disto os obradoiros, as convivencias con comunidades rurais, xornadas de proxección de documentais -os Soupdocus-, concertos, sesións nocturnas -Barferencias e T-cuentos- e outros espazos de socialización informais que buscan que se multiplique a rede entre xs participantes

IMG_20171115_101430[1]

O desplazamento dende a Universidade a poboacións rurais para coñecer de primeira man os proxectos das súas comunidades é un dos maiores valores deste Congreso. Non se entenden como saídas de campo senón espazos de convivencia, de apoio e de partilla – incluíndo almorzos comunais nos seus fogares-. Tamén se incide na necesidade de espazos de produción e circulación de coñecemento alén dos lexitimados pola academia ou polas institucións culturais clásicas.

Cremos que é necesario afondar na construción de novos espazos e novos procesos que faciliten a creación de sinerxías positivas de colaboración entre entidades e proxectos, a fin de mellorar os proxectos e establecer vínculos máis sólidos e máis reais coa poboación ou contexto en que se realicen. Cabe promover a análise de conceptos e metodoloxías; así como a creación dunha liña conxunta de actuación que inclúa contribucións de diferentes formas de comprender e proxectar a xestión do patrimonio cultural.

Organización do SOPA

Con moito pesar non dimos chegado a Patrimonio cultural, género y edad en Yucatán, conferencia inaugural de Marcos Noé Pool Cab, Profesor Investigador da Universidade Autónoma de Yucatán . Pero si estivemos de pleno no que máis nos interesaba: o SEMINARIO MUJER RURAL Y MEMORIAS COMUNES. Brillante Los derechos de la mujer como patrimonio cultural de Nancy Walker. Interesounos especialmente o Archivo Femenino de las Memorias Comunes, un proxecto internacional presentado por Sabah Walid e Juanjo Pulido, de UNDERGROUND Arqueología Patrimonio & Gente, un proxecto online de recompilación, catalogación e visualización desas historias minusvaloradas polo patriarcado e das que urxe a recuperación.

Estamos moi pendentes deste proxecto co que queremos colaborar, así como das outras tres propostas galegas do Congreso. Sabah Walid e Adela Vázquez achegáronnos á experiencia do PEMAN (Programa de Estudios en Mano Común, Ruralidades, Feminismos y Comunes) dende a #diásporaPeman. Este proxecto que busca traducir a gobernanza dos Montes Veciñais en Man Común de Galiza a unha comunidade de coaprendizaxe, está coordinado pola nosa compañeira Andrea xunto a Fran Quiroga -moito o botamos en falta estes dias-.

Non foron os únicos proxectos galegos. Dende a distancia Beatriz Comendador e as veciñas da Asociación Mulleres Rurais de Bamio trouxéronnos o seu proceso mediante unha peza audiovisual: Os louceiros de Bamio e a nos historia oral. O proxecto busca recuperar a tradición louceira deste territorio ubicado na Ría de Arousa: o como, cal era o proceso, as técnicas empregadas e os procedementos, pero tamén o para que, que ten que ver con xuntarse e que afloren memorias, historias e relacións entre as mulleres que participan do proxecto.

Doutrabanda Jorge Enríquez Méndez, da Universidade da Coruña,  dende a arquitectura e mediante unha comunicación tamén gravada,O fogar do pobo,  fixo unha reflexión sobre a vida comunitaria en aldeas galegas a través de dous comúns: o monte veciñal e a festa, traendo a experiencia da Comunidade de Montes de Vincios, en Gondomar.

DSCN7750

E NÓS

E nós viñemos a escoitar e aprender destas mulleres empoderadas na defensa das súas terras ante o expolio, da creación de redes de sustento da vida nas súas comunidades e as súas praxes, procesos na loita contra o patriarcado.

Tamén viñemos a comparti dentro da sección VISIBILIZACIÓN DE SABERES Y HACERES unha estratexia de accesibilidade dixital que estamos a xestar, no marco da creación dun novo medio en liña. Trátase dunha plataforma online onde conectar os diferentes lugares, recursos e axentes a través dun proxecto de comunicación desde por e para a nosa zona. A través dela buscamos visibilizar o noso día a día, as nosas historias, memorias, os nosos recursos estratéxicos para contruibuir ao desenvolvemento sociocomunitario.

E é que os medios locais posúen unha grande potencialidade na cohesión de contornas fragmentadas, especialmente en ámbitos rurais dispersos e con poucos vieiros de comunicación interna. Pola súa especificidade, o seu apego ó territorio e a capacidade de mobilizar os axentes da zona estes medios son unha peza determinante na configuración identitaria do territorio onde operan.

O Con ela tamén buscamos contribuír á disolución da fenda dixital rural e por iso xorde asociada a unha estratexia de educación en comunicación. Particularmente  queremos implicar ás afectadas por unha triple fenda dixital: as mulleres, maiores e rurais.

MOMENTOS

Moitos foron os instantes que gardamos na retina, mais houbo dous que traemos con máis claridade, un relacionado cunha ponencia teórica e outro cunha experiencia en comunidade. A Comunicación que máis nos impactou foi a da mexicana Tania Paloma Hernández Ramírez: Memorias y corporeidad rumbo a procesos emancipatorios. Construyendo utopías. A través dela explícanos a pertinencia e necesidade do achegamento aos recordos, memorias latentes, coma un camiño de vínculos que nos leva a problematizar e transformar a nosa realidade actual desde unha perspectiva crítica. O obxectivo sería conseguir repensar, volver a enfrontaresas memorias, que nos darían claves para planexar colectivamente accións de futuro  nos  distintos espazos de articulación/acción política e social nos que participamos. A segunda é a intervención de Rufina E. Villa Hernández, coa ponencia En defensa de la vida y el territorio contra los megaproyectos mineros. Explicounos a súa experienca nacooperativa Maseual Siuamej Mosenyolchicauanij (Mujeres Indígenas que se Apoyan) que leva 31 anos a buscar alternativas productivas ante o declive agrícola na rexión e tamén a súa contribución a dignificar a súa vida promovendo actividades alén do traballo reprodutivo.

MERIDIANO 105

Captura de pantalla de 2017-12-08 12:26:37.png

Antoloxía de poesía de mulleres en lenguas indígenas de México e Canadá. Proxecto web presentado por Claudia Lucotti daUNAMMÉXICO. Tencomo obxectivo establecer unha rede de textos en linguas nativas, traducida a outras linguas nativas

QUILTRO

Captura de pantalla de 2017-12-08 12:26:37.png

Quiltro Films é unha productora de cine independente da Rexión de Coquimbo, Chile, que dende unha ollada antroplóxica fan cinema documental. Para xs integrantes o escencial é a búsqueda das identidades en conflicto coa modernidade, o desenvolvemento vs patrimonio, e a historia vs as memorias.

RAF

Captura de pantalla de 2017-12-08 12:26:37.png

Reflexión Acción Feminista (RAF) é un colectivo de Mérida que ten como obxectivo facilitar reunións entre mulleres e promover a inclusión do feminismo na realidade da cidade e motivar os procesos organizativos das mulleres para formar redes de acompañamento.

Un dos momentos máis enerxizantes do SOPA foi a charla e actuación de Las hijas del Rap, colectivo feminista de raperas do Yucatán. Artistas multidisciplinares e militantes pola defensa dos dereitos das mulleres, faláronnos do contexto das comunidades de hip hop da zona, e a súa vocación de poñer a axenda feminista nos seus temas e visibilizar ás mulleres como parte da escena.

Súmanse a unha corrente que entende hip hop alén dun  xénero musical, como unha forma de vida con fondas implicacións políticas, En concreto este movemento está a apostar polo fortalecemento da estima e recuperación da lingua maya, creación de propostas abertamente decoloniais, hibridación con música tradicional da zona, creación de espazos festivos autónomos…- e ten moita acollida pola mocidade Yucateca.

O mellorciño

Xantar coas comunidades

Tanto en Canicab como Yaxunah xs membros das comunidades de acollida prepararon xantar nas súas casas e, por grupos, degustamos delicias diversas. Pasar ata a cociña foi sen dúbida unha experiencia única, picantito.

Sopdocus e T-cuentos

Para nós o formato máis interesante, horizontal, participativo e rico do Congreso. E é un momento para coñecer proxectos in situ nun ambente máis relaxado: centros sociais, espazos de lecer… A Pesar das horas e do cansancio acumulado durante o día xérase moi bo ambiente e conexións entre participantes, tanto que propician actividades festivas posteriores. O dito, un encontro que nunca durme!

A mellorar

Conferencias gravadas

Aínda que cada ano son de mellor calidade é moi complexo atender a tantas ponencias en vídeo. Propoñemos un arquivo online con elas, xa que se fai tedioso atendelas e non hai posibilidade de interacción coxs comunicadorxs.

Precarización da organización

Sen falar do traballo anual previo durante o Congreso o equipo de dirección do SOPA e os enclaves locais asumen case todo o traballo organizativo e de produción, o de comunicación e de presentación das diferentes mesas. Pensamos que dado o caracter colaborativo do encontro o traballo durante estas xornadas debería distribuirse entre xs participantes, que deberíamos co-rresponsabilizarnos do desenvolvemento do mesmo a través de grupos de traballo.

CODA

Rematamos esta viaxe iniciando outra a través do proceso de promoción  de A morir en los desiertos, nun reencontro cunha vella amiga, a Marta Ferrer. A súa última película ten moita relación co SOPA: acompaña unha tradición a piques de desaparecer, a do canto cardenche na zona de Durango. Este documental lévanos ao semideserto, ao norte de México, na busca dos últimos cantantes e vestixios deste morriñento canto de amor, de desprecio, de lamento e traxedia. Unha tradición de campesiñxs, de  ex-peóns das facendas  algodoneiras que nos deixa desarmadxs ante a beleza da dignidade destilada de semellante dor.

Despois duns días con amizades de Chantada coas que, casualidades da vida, sen saber topamos alí -e non foron as únicxs- voltamos a casa, con moitas ganas, entre outras cousas, de vos partillar isto. Agradecemos profundamente xs compañeirxs do SOPA o traballo de todo un ano para posibilitar este encontro, que mmm, agora que o pensamos tamén deixou o paladar con gusto a mezcal. Faremos que nos dure ata a seguinte parada, ata Chile.

a_morir_a_los_desiertos-396976967-large

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>